“A sidra da Estrada merece unha Denominación de Orixe”

Falamos con Orlando Villamayor, membro dunha saga familiar de sidreiros, que elabora no lugar de Callobre sidra baixo as marcas “Torres de Moreda” e “Sobreira”.

Conversamos con Orlando Villamayor durante a III Feira da Sidra da Estrada, celebrada o pasado sábado, día 14. Baixo a carpa situada na praza do Concello elaboradores de sidra vindos de diferentes partes de Galicia, Asturias, Cantabria, o País Vasco e Bretaña ofrecen orgullosos o seu producto. Malia ser Galicia a principal produtora de mazá de sidra do Estado Español -coa que despois se elabora sidra en Asturias e no País Vasco, aínda falta moi percorrido para crear cultura de consumo de sidra en Galicia, crear sidrerías e riqueza e emprego no país.

Neste sentido, Orlando Villamayor considera imprescindible que a Xunta de Galicia promova a denominación de orixe da Sidra da Estrada, variedade Rabiosa de Callobre, un tipo de maceira autóctona de Galicia que lle dá unhas características especiais á sidra galega.

Cal é a orixe da produción de sidra en Torres de Moreda e A Sobreira?
A produción de mazás remóntase a máis de medio século, cando o industriale agrarista Xosé María Torres Torres , o noso avó, plantou a variedade “Rabiosa de Callobre” , unha mazá que mesturada técnicamente con outras variedades fai un producto único, estudado na actualidade polo Ministerio de Agricultura e a USC en Lugo.

Decidimos comezar a transformar a materia prima en sidra a raíz da alta produción da que dispoñemos nas máis de cinco hectáreas que temos actualmente no concello da Estrada, plantadas de novo hai aproximadamente unha década e que levan o nome de “Torres de Moreda” e “Sobreira” en representación da casa de turismo rural da familia e da árbore milenaria do lugar de Callobre.

Con canta superficie de pumares contades e qué variedades tedes plantadas?
Hoxe en día xa se superan as cinco hectáreas e as variedades son principalmente “Rabiosa de Callobre” e outras como “Fuentes”, ” Durona”,”Delariega”,”Parda”,”Regona”,”Raxao”,”Ernestina”,”Reineta”,”Blanquita”,”Verdiolona” etc.

Cales son as características da vosa sidra?
A sidra natural da Estrada ten unha textura suave co punto de acidez suficiente para que poida ser consumida a calquera hora do día , tanto para satisfacer o padal cunha bebida refrescante como tamén para utilizala a cotío nos xantares, xa que grazas ao pouco alcohol que ten pode beberse con moderación para que non altere o estado físico do individuo. Ten tamèn unhas cualidades positivas para o corpo do ser humano por ser un producto natural e ecolóxico.

Fostes pioneiros da recuperación de variedades propias de mazás. Explícanos un pouco como foi ese proceso e qué características aportan esas mazás?
A variedade “Rabiosa de Callobre” expandiuse rápidamente polo resto do concello, en gran parte grazas á fortaleza que esta planta ten , dándose en lugares con diversidade de clima; por iso hoxe en día é posible atopar esta mazá noutras parroquias.

A recuperación da planta “Rabiosa de Callobre” foi feita a través de enxertar esta variedade nos escallos das maceiras que saían das pólas na altura da poda. As súas características principais son a súa suave amargura que xunto con outras variedades doces conseguen o resultado testado hoxe en día.

“Hoxe en día poderíamos producir 200.000 botellas de sidra natural, pero falta impliación por parte da Administración para impulsar a Sidra da Estrada”

 

Qué produción tedes neste momento tanto de mazá como de sidra e cales son os vosos plans para os próximos anos?
Unha cousa é a produción de mazá en ecolóxico e outra a transformación desta materia prima en sidra natural ou outros produtos. A día de hoxe están en produción máis de 2000 plantas e hai aproximadamente outras 1000 maceiras máis de recente plantación.

En canto á transformación da mazá en sidra, contamos actualmente cunhas 5.000 botellas anuais que comercializamos no mercado galego e case insignificantemente na exportación. O resto da produción véndese nos mercados de máis consumo,e a día de hoxe estaríamos en disposición de fabricar preto das 200.000 botellas de sidra natural.

Os plans de futuro van depender en boa medida da implicación que as administracións públicas poñan no desenvolvemento do sector. Pensamos que é preciso recuperar a agricultura con forza en Galicia, facendo rendibles estas labores para conservar o noso agro en óptimas condicións. Paralelamente ten que darse a posibilidade de potenciar a cultura do empresario emprendedor e innovador, figura que debido principalmente á crise actual, non existe.

Resulta difícil vender para unha pequena adega? Falta cooperación entre o sector?
Máis que difícil vender, diríamos que falta cultura e hábito de consumo. No caso dos nosos veciños de Asturias e País Vasco teñen un orgullo propio cara o consumo de sidra que lles fai ver esta práctica como rendible e saudable.

En Galicia é preciso concienciar á poboación de que consumir sidra natural é un beneficio para a saúde, aparte de estar contribuíndo a xerar unha economía propia de país.

No tocante á cooperación empresarial do sector pode ser moi interesante que as agrupacións de interés económico vexan potenciada a súa labor a través de citas e eventos que propician o consumo como pode ser a Feira da Sidra da Estrada ou a creación dunha “denominación de orixe” do producto como ten pasado con outros caldos galegos.

Dase o paradoxo de que Galicia produce boa parte da mazá coa que asturianos e vascos elaboran as súas sidra.Qué falta para que todo o ese valor engadido quede en Galicia?
Os responsables das administracións públicas teñen moito que dicir e facer neste senso. É fundamental unha aposta decidida polo sector en primeira instancia, antepoñendo por diante valores culturais e sociais e non soamente pensando nos resultados electorias ou económicos a curto prazo.

É innegociable a posta en marcha da denominación de orixe da sidra estradense coa variedade “Rabiosa de Callobre”, e tamén unha decidida aposta polas axudas á comercializacion no exterior facilitando sobre todo acordos multilaterais en materia de redución de impostos e expansión comercial.

Como vedes o futuro da produción de sidra e mazá na Estrada e en Galicia?
Na última década plantáronse moitas héctareas de maceiras e iso conleva que o sector sexa plural e diverso. Ábrese a porta a unha posibilidade de que a xente traballe nesta terra, evitando así na medida do posible que os galegos teñan que emigrar-

Algunha previsión sobre cómo será a colleita de mazá deste ano?
As colleitas varían dun ano a outro, aínda que cómpre resaltar que todos os anos hai produción grazas a que a mazá ten unha alta resistencia á climatoloxía. Para este ano as previsións son que en Galicia as colleitas se conten xa por millóns de kilos.

Ver noticia original